Skip to Main Content

Letras Galegas 2005 - Lorenzo Varela

Lorenzo Varela , por J.L. Couceiro

A biografía de Xesús Lorenzo Varela Vázquez podería pecharse en poucas liñas, e de feito así o fan algúns dos nosos manuais e historias literarias, cando marcan o seu nacemento ventureiro na Habana (1916), nun barco de emigrantes, ata o definitivo regreso a 1976 España, a súa morte en Madrid (1978) e o traslado definitivo dos seus restos a Monterroso (1981) de onde eran seus pais. É dicir, podería tratarse da biografía dun de tantos emigrantes a América. Pero tal síntese sería, nunha parte esencial, moi enganosa, porque no medio quedaba o regreso a Galicia, -ós tres meses segundo Alonso Montero-, máis precisamente a Monterroso;pero ós sete anos vai outra vez cos seus a Bos Aires e de alí regresará en 1931; os estudios de bacharelato fainos en Lugo. Con outros amigos, entre eles Ramón Piñeiro e Ánxel Fole, funda a Federación das Mocedades Galeguistas. Cando inicia en 1934 os estudios universitarios trasládase a Madrid onde, ademais de asistir as clases de Filosofía e Letras, participa nas actividades culturais e políticas promovidas polo ideario republicano, como poden entre outras ser as Misións Pedagóxicas, e de paso iníciase no periodismo, que acabará sendo o seu medio de vida. Na guerra civil partilla con entusiasmo na defensa da República, como soldado e como escritor –nesta etapa bélica, dado os medios para os que escribe, só usa o castelán-, e así, cando o goberno lexítimo é derrotado polos rebeldes, ten que emprender o camiño do exilio, refuxiándose en Francia, para pasar primeiro a México onde impulsará a publicación da revista “Romance” e tratará a Octavio Paz cos seus vellos amigos León Felipe e J. Bergamín, para finalmente establecerse en Bos Aires; aquí relacionarse de novo con Cuadrado, Dieste, Blanco Amor e sobre todo Seoane, preto de Castelao, escribindo para a presa arxentina e colaborando nas publicación galegas.

Os datos máis obxectivables serían eses, e aínda así non todo o mundo está de acordo, pero seguramente resultaría moito máis difícil dar unha idea exacta e completa da súa intensa paixón solidaria polo home desprotexido e explotado, porque Lorenzo Varela, como acabamos de ver nos feitos, dende os seus anos de formación, aínda estudante, xa participa en proxectos solidarios encamiñados aaliviar ou reformar inxustizas sociais. En poucas palabras, o seu ideario político está ligado ó pensamento marxista, e dende a súa etapa madrileña afiliouse ó Partido Comunista. As necesidades da loita civil no medio dun conflito fratricida lévano, en defensa do seu credo, a unha actividade literaria bastante intensa en publicacións da República e quedará para máis tarde, sobre todo no longo exilio bonaerense, cando cobre pulo a súa faceta literaria de poeta bilingüe, en castelán e en galego.

A grandes liñas, a obra de Lorenzo Varela na nosa lingua é breve e bastante dispersa, e, ademais, de tirada é curta e de difícil distribución en Galicia, e diso deriva en boa medida o descoñecemento da súa obra. Só despois da súa morte o empeño dos amigos –Seoane, Díaz Pardo, Alonso Montero, o seu valedor máximo nos medios culturais galego -logrará reunir os seus poemas nun volume. No tempo, primeira publicación de carácter unitario é Catro poemas pra catro grabados (1944) que ilustran literariamente un álbum do seu amigo Luis Seoane titulado María Pita e tres retratos medievais . A pintura foi unha constante paixón do noso autor.

Dez anos despois reúne a súa poesía civil en Lonxe, -“unha peza de ouro da bibliografía poética galega”, di Alonso Montero- poemas en galego, onde se lembra dos amigos mortos, moitos na loita. Por eso crítica especializada encadra a Lorenzo Varela na Xeración literaria do 36 é considérao un dos máis notables representantes de literatura ideoloxicamente comprometida pola súa temática social e progresista.

Ademais dos manuais e dicionarios de literatura usuais que examinan sinteticamente os valores literarios –A. Tarrío, D. Vilavedra, Méndez Ferrín-, dos estudios de F. Salgado, López Bernárdez, de Axeitos, pode consultarse especialmente o volume dedicado este ano a Lorenzo Varela polo Departamento de Galego da Universidade de Santiago coordina do por Alonso Montero, pero tamén resultan interesantes pola semblanza que proporcionan, visitas a páxinas web, tales como
:

http://www.diadasletrasgalegas.com/2005/vida_xesus_lorenzo.php


http://www.culturagalega.org/temadia_arquivo.php?id=4830


http://centros.edu.xunta.es/iesmontecarrasco/letrasg/lorenzov.htm


ou esta de Claudio Rodríguez Fer:

http://bvg.udc.es/LetrasGalegas2005/Estudos/combate.html

esencial para el período bélico de Lorenzo Varela.