1957 Nace na Coruña o día 15 de xullo no seo dunha familia de clase media. Pasa os seus primeiros anos na casa familiar situada na rúa Vila de Laxe. Pronto comezou a sentir, grazas á influencia dos seus pais, a paixón pola música, que a acompañará durante toda a súa vida.
1967 Remata os estudos primarios no Colexio das servas de San Xosé ou xosefinas, colexio privado e católico. Inicia o bacharelato no Instituto Eusebio da Garda.
1965-1972 Realiza estudos de solfexo no Conservatorio de Música da Coruña.
1966 Comeza os estudos de guitarra que pronto abandonará polo violín.
1973-74 Remata o curso de acceso á universidade no Instituto Eusebio da Guarda.
1974 Tras o remate do COU realiza durante o verán o chamado Servizo Social, organizado pola delegación provincial da Sección Femenina del Movimiento.
1977-1985 Entre estes anos realiza estudos de violín.
1976 Créase o grupo de música folk, “Escaino” do que forma parte, como vocalista e violín, xunto con Juan Fernán Vello na percusión, Paulino Martínez Pereiro na frauta e seu irmán Luís M. Pereiro no clarinete. Con este grupo percorre durante varios veráns moitos países europeos.
1978 Casa con Paulino Martínez Pereiro, co que compartiu, ademais do amor pola música e a literatura, a profesión, xa que el tamén foi profesor de instituto.
Durante toda a década dos 80 asiste con regularidade aos encontros literario-musicais que Francisco Pillado e Manuela Vega organizan na súa casa.
1982 Licénciase en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Nos anos seguintes continúa a súa dedicación á música mais tamén escribe poemas.
1985 Entra a formar parte da Orquestra de Santiago e posteriormente da Xove Orquestra de Galicia como violinista.
1988 Consciente das dificultades de abrirse camiño profesionalmente como intérprete, converteuse en profesora de Lingua e literatura galegas de secundaria no ensino público.
Neste ano aproba o concurso-oposición de agregados de Bacharelato, e imparte clases durante algúns anos no IES Xosé Neira Vilas (Perillo, Oleiros) e o IES Canido (Ferrol).
1990 Gaña o galardón Primeiro Certame Literario da Facultade de Filoloxía co “Poema cíclico para soprano e cuarteto de corda”.
Nos anos 90 entra como vogal na directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, participa no consello de redacción da revista Contemporánea e representa a AELG no European Writers Congress en Viena.
1991 Acada destino definitivo no Instituto Isaac Díaz Pardo de Sada como profesora de lingua e literatura galega. Nese mesmo ano publica Música reservada, Silencio, ensaiamos e O paseo das esfinxes.
1992 Comeza a súa militancia do BNG.
1993-2002 Exerce como vogal do consello directivo da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
2004 Acada o Premio de poesía Espiral Maior co libro En concreto.
Na madrugada do día 6 de marzo, Luísa Villalta falece na súa casa de xeito inesperado durante a madrugada.
Os seus restos mortais repousan no cemiterio de San Amaro (A Coruña).
Ao finalizar o acto relixioso, poetas de toda Galicia, políticos e persoeiros do mundo cultural, entre os que se atopaban Manuel María, Manuel Rivas, Xosé Manuel Beiras ou Anxo Quintana, despedírona nun emotivo acto con lectura de poemas e música de violín.