Ir ao contido principal

Letras Galegas 2022 - Florencio Delgado Gurriarán

Cronoloxía

Florencio Delgado Gurriarán

1903. Nace o 27 de agosto en Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, Ourense, no seo dunha familia de clase media-alta: seu pai era perito funcionario do Servizo Agronómico. Florencio tivo como lingua materna o galego. 

1909. A familia trasládase a Ourense debido ao traballo do seu pai. Alí residirán durante catro anos. 

1913-1928. De novo, o pai é destinado a outras cidades e a familia vive, primeiro en Palencia e posteriormente en Valladolid. 

1918-1924. Estuda Dereito na Universidade de Valladolid. 

1928. Volta ao seu pobo, Córgomo, logo de que seu pai fose trasladado de novo a Galicia, concretamente á cidade de A Coruña. Florencio comeza a preparar oposicións a rexistrador, proxecto que pronto abandona. Exerce como avogado durante algúns anos en Valdeorras. Desta época son os seus primeiros poemas coñecidos. 

1932. Vai a Madrid coa intención de preparar oposicións a notarías. Alí coñece a Otero Pedrayo e a Basilio Álvarez. 

1933. Comeza a militar no Partido Galeguista, moi comprometido coa defensa do idioma. Nesta época comezan as súas colaboracións en A Nosa Terra e Heraldo de Galicia. Semanario de los lunes cultural e informativo  

1934. Publica o poemario Bebedeira, obra lírica inspirada na contorna valdeorresa.  

1936. Co golpe militar do 18 de xullo contra o goberno republicano, comeza a represión e a persecución de moitos republicanos. Florencio agóchase, como outros tantos, nos montes dos arredores. Lucio, seu irmán maior que é xefe da Falanxe española de Córgomo ofrécelle facerse falanxista para evitar a persecución ao que el se nega. Fuxe a Portugal e dende Porto embarca cara Francia, onde viviu durante dous anos nas cidades de Burdeos e París. 

1938. Volta a España e instálase na Barcelona republicana, onde se integrou na Subsecretaría de Armamento e despois no Servizo de Información Periférico do Estado Maior do Exército de Terra. Aquí involúcrase no plan de organizar e dar amparo aos guerrilleiros do maquis galego. 

Afíliase ao sindicato UGT. 

Colaborou na publicación quincenal Nueva Galicia: Portavoz de los Antifascistas Gallegos, onde publicou varios poemas asinando como Florencio. 

1939. Exíliase a México no buque Ipanema e se instala en Veracruz. 

Máis tarde trasládase a México DF onde traballa no ámbito comercial en diferentes sectores: fertilizantes, aceite, seguros, representante de calzado... 

1942-1953. Colaborou no exilio mexicano nas revistas Saudade e Vieiros: Revista do Padroado de Cultura Galega de México, tanto nas súas publicacións coma nas emisións radiofónicas “A hora de Galicia”.  

1943. Cancioneiro da loita galega obra colectiva, editado en México polo Partido Galeguista. Florencio asina os seus poemas cos pseudónimos Nadel e R. Miño. 

1944. Casa con Cecilia Teijeiro, filla de galegos e nada en Cuernavaca, coa que terá cinco fillos. 

1949. Comeza a traballar como visitador médico do Laboratorio Queralt Mír, primeiro como axente en México DF e posteriormente en Guadalajara, onde desempeñou cargos de responsabilidade. 

Se publica Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, tradución en colaboración con Plácido R. Castro e Lois Tobío Fernández, obra que gañou o certame literario convocado no XXV aniversario da federación de Sociedades Galegas. 

1963. Publica o libro de poemas Galicia Infinda,  no que o autor verte a súa admiración polo país e o pobo mexicano no que mestura palabras americanas con expresións galegas. 

1968. Regresa á súa terra por primeira vez dende o exilio. Neses días gravou para Radio Nacional de España unha entrevista no programa Poetas de Galicia. 

1976. Volta de novo a Galicia pensando nos preparativos para o retorno definitivo pero por motivos de saúde finalmente non foi posible. 

1979. Publica no xornal La Región unha elexía en honor a Celso Emilio Ferreiro, recentemente falecido. 

1981. Sae á luz o libro Cantarenas. Poemas (1934-1980). 

Regresa de novo a Galicia onde lle é entregada a Medalla de Académico da Real Academia Galega. 

1986. Publica  O soño do guieiro, libro de poesía no que reflicte a súa defensa da lingua galega e a loita contra o fascismo. 

1987. Falece en Fair Oaks, California o día 14 de maio debido a unha doenza cardíaca. Os seus restos foron trasladados dende México ao seu pobo natal, Córgomo de Valdeorras.