Ir ao contido principal

Letras Galegas 2012 - Valentín Paz Andrade

Biografía

Letras Galegas 2012

 

Valentín Paz-Andrade nace o 23 de abril de 1898 en Lérez, Pontevedra onde pasará os seus primeiros anos e levará a cabo os estudios de primaria e secundaria. Xa nestes primeiros anos vai ser iniciado nas letras polo seu tío Xoán Bautista Andrade, escritor de poemas en castelán, quen lle presentará sendo aínda moi novo a Castelao.

Estuda bacharelato en Pontevedra e licenciase en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.

No seus tempos de estudante inicia a súa aproximación ó galeguismo da man de Castelao, sendo nomeado presidente do Grupo Autonomista Galego de Estudiantes, afín as Irmandades da fala. Mostra un talento especial periodístico colaborando esporadicamente coa prensa local compostelán.

En 1921 licenciase, e comeza a exercer de avogado na Audiencia de Pontevedra. Este mesmo ano é mobilizado para incorporarse á fronte do norte de África, dende onde envía crónicas para o xornal coruñés El Noroeste.

O ano seguinte, por mor dun problema de saúde regresa repatriado a España e ingresa no Hospital Militar da Coruña, onde coincide con Manuel Antonio. Nesta época é cando Valentín Paz-Andrade funda e dirixe o xornal Galicia. Diario de Vigo, patrocinado polo cónsul de Chile en Vigo Ernesto Cádiz Vargas.

Galicia… saíu a rúa o 25 de xullo de 1922, contando na redacción con Roberto Blanco Torres, Francisco Pita ou Lustres Rivas. Contaba tamén con Luís Ksado no deseño gráfico, Castelao como caricaturista e as sinaturas dun relevante equipo de colaboradores como Manuel Antonio, Vicente Risco e Villar Ponte. Pretendían facer un xornal de espírito liberal, independente e galeguista e onde a caricatura funcionaba como contrapunto ao editorial.

A partir de 1923 coa Dictadura de Primo de Rivera o xornal ten problemas ca censura e acaba pechando definitivamente en 1926 e Valentín Paz-Andrade, como director, pasa dous meses na cadea en Vigo.

En outono de 1926, retorna a súa actividade profesional como avogado en Vigo, pero sen deixar de lado o seu labor como xornalista e publica en 1928 o seu primeiro libro técnico “Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema”, editado pola Unión de Entidades Viguesas.

Principiando o ano 1930 e coincidindo coa caída da ditadura de Primo de Rivera, fúndase en Vigo o Grupo Autonomista Galego, do que será presidente. O longo deste ano e do seguinte mantén unha intensa actividade política participando en numerosos mítines con Castelao, Nuñez Bua, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Carballo Calero, Ramón Cabanillas,… Publica “A nosa definición autonomista” en Nos.

Participa na elaboración do anteproxecto do Estatuto de Galiza, e preséntase como candidato a Deputado das Cortes Constituíntes nas eleccións de xuño de 1931, pero non sae elixido.

No Nadal deste ano xa esta constituído en Pontevedra o Partido Galeguista, sendo Valentín Paz Andrade membro do comité executivo e Alexandre Bóveda secretario xeral.

Durante todo o ano 1932 participa en mitins e asembleas de apoio ao Estatuto. E ferido nun atentado en Vigo, por mediar nunha folga que os mariñeiros sostiñan contra os armadores.

Nos anos seguintes centra a súa actividade profesional no bufete, e rexeita a proposta de Castelao para que ocupe o seu posto na Secretaria Política do Partido Galeguista cando e desterrado a Badajoz.

No 36 Preséntase como candidato da candidatura republicana de centro pola circunscripción de Pontevedra ao Parlamento, pero tampouco esta vez sae elexido. Tralo 18 de xullo é desterrado, primeiro a Verín e nos primeiros días do 1937 a Requeixo da Queixa onde escribe poemas en galego. En abril deste mesmo ano autorízanlle a vivir en Castro Caldelas e mais tarde en Pobra de Trives. A finais de ano levántanlle o desterro e volta a súa actividade no bufete de Vigo, pero en agosto volve a ser detido, e desterrado a Villanueva de la Serena ata finais do 39.

Deste tempo son os poemarios “A serra. Cantos do desterro branco” e “Sangue na neve. Etopeia da serra”.

No desterro na Serra de Queixa , en Trives coñece a Pilar Rodríguez de Prada , que dous anos mais tarde o 8 de decembro de 1939 convértese na súa esposa, van vivir a Vigo e o 4 de outubro de 1940 nace o seu fillo Alfonso.

Durante a década dos anos 40 dedicase a súa actividade profesional , mais non deixa o xornalismo, colaborando en El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, e dirixindo a partir do ano 1942 Industrias Pesqueras , na que ten que asinar, debido á censura, con diferentes pseudónimos (M., Xan Quinto, Mareiro). Neste tempo tamén se fai cargo do asesoramento xurídico da Sociedade de Armadores de Bouzas “La Marítima”.

En 1945, consolídase a tertulia do café Alameda de Vigo onde coinciden Valentín Paz Andrade, Maside, Laxeiro, Lugrís, os Alvarez Blázquez, Antón Beiras, Pegro de Oliver, Fernandez del Riego e Javier Andrade. Aquí xurdirán diferentes iniciativas culturais.

Mantén contactos cos republicanos exiliados e despois da morte de Castelao en 1950 relaciónase cos emigrante e exiliados galegos na Arxentina e intensifica a súa relación co mundo da pesca e a súa colaboración coa FAO (a proposta de Bibiano F. Osorio-Tafall) para impartir cursos e seminarios sobre economía pesqueira e ordenación xurídica das pesquerías en Valparaíso, México e Bogotá.

Destes anos son as publicacións: “Producción y fluctuación de las pesquerías”(1952), “Producción y fluctuación de las pesquerías”(1954) e “Principios de economía pesquera” co prólogo de Osorio-Tafall. FAO (1954).

Aproveitando estas viaxes, tamén imparte conferencias e colabora en diferentes actividades culturais visitando os seus amigos exiliados e emigrantes. Invitado polo Centro Galego de Bos Aires, participa, por exemplo, nas Xornadas Patrióticas do 25 de xullo, en 1950, en 1957, e en 1966.

Desta continuada e fecunda relación coa Galicia alén mar, xorden diversas iniciativas: en 1950 xestiona dende Vigo a Mostra de Pintores Galegos en Bós Aires; organiza os premios de periodismo Ramón Mourente, e representa ó Centro Galego de Bos Aires no II Congreso Regional de la Emigración, celebrado en Santiago de Compostela en outubro de 1965.

En xuño de 1957, pola publicación en 1956 dun artigo na revista Industrias Pesqueras do que sigue sendo director, pasa un mes na cadea en Vigo. Unha vez fora continua a súa actividade de viaxes, conferencias e cursos en Bos Aires, Montevideo, Sao Paulo,..

Publica nestes anos “El sistema económico de la pesca en Galicia” e “Galicia como tarea”, titulado polo autor “Galicia en números vivos”, en Bos Aires e a finais do 59 comeza a publicar este mesmo libro no diario La Noche de Santiago.

O 23 de xuño de 1960 fúndase Pescanova en Vigo con Paz-Andrade como presidente e abrindo o sector pesqueiro galego a unha dimensión revolucionaria, a do conxelado en alta mar.

Nestes anos continua as súas viaxes e publicacións relacionadas ca industria pesqueira e colaborando coa FAO. Tamén traballa no proxecto de creación do Banco Industrial de Galicia.

A dedicación ao tema pesqueiro, non o fai desatender a súa vertente literaria e de compromiso coa lingua publicando nos derradeiros anos desta década “La anunciación de Valle-Inclán” (Bos Aires, 1967), “Sementeira do vento” coa carta-prefacio de Guilherme de Almeida e ilustracións de Laxeiro (Vigo, 1968) e “La marginación de Galicia” (Madrid, 1970).

Unha tromboses cerebral e unha alteración cardíaca o manterán afastado durante un tempo desta intensa actividade, pero xa en 1973 reaparece como xerente da Exposición Mundial da Pesca que se celebra por primeira vez a en Vigo e este mesmo ano decide reincorporarse á actividade política.

Trala morte de Franco, Valentín Paz Andrade comeza a participar na Xunta Democrática de Vigo reivindicando a democracia e a autonomía. No ano 1976 entra a formar parte da Comisión Negociadora da Oposición Democrática, a chamada Comisión dos Dez, representando a Galicia como independente. Na convocatoria de eleccións no mes de xuño do ano seguinte sae elixido senador por Pontevedra na Candidatura Democrática Galega Independente.

A principios do ano 1978, le o discurso de ingreso na Real Academia Galega co título A Galeguidade na obra de Guimaraes Rosa e o 5 de decembro de 1985 e nomeado Académico da Academia Galega das Ciencias.

Durante os anos 80 recibe numeroso premios: O Pedrón de Ouro, a Cruz de San Raimundo de Peñafort, a Medalla o Mérito Social Marítimo, a Medalla da ciudade de Vigo, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, o Premio Trasalba de Fundación Otero Pedrayo…

Nestes derradeiros anos da sua vida continuan a publicarse recopilacións de artigos como “Galiza lavra a sua imagen”, colaboracións como os textos do catálogo da exposición montada polo Seminario de Sargadelos “Castelao, obra gráfico-bibliográfica e documental da súa vida e da súa obra”; o poemario “Cartafol”, homenaxe a Otero Pedrayo e reedicións como a 2ª revisada de “Castelao na luz e na sombra” e a tradución ao éuscaro de “Pranto matricial”en 1986.

O 19 de maio de 1987 finou aos 89 anos en Vigo. Foi soterrado no panteón familiar en Lérez, Pontevedra.