Ir ao contido principal

Letras Galegas 2011 - Lois Pereiro

Cronoloxía

1958

Lois Angel Sánchez Pereiro nace en Monforte de Lemos o 16 de febreiro domingo de Entroido.

1975

Con dezasete anos marcha a Madrid co seu irmán Xosé Manuel para estudar socioloxía e, tras unha etapa na que regresa a Monforte, abandona  a  socioloxía e matricúlase en alemán, inglés e francés  na Escola Oficial de Idiomas. Mantense economicamente vertendo ao castelán filmes e series para a televisión e alí funda, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista de pulo renovador Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978).

1981-1985

En 1981 e vítima da intoxicación masiva con aceite de colza desnaturalizado. Lois deixou as sesión de rehabilitación nun centro médico en Madrid poucos días despois de comezalas. Regresa definitivamente a Galicia e marcha a vivir A Coruña onde se une á   revista La Naval.

Nesta época entra en contacto con un grupo de poetas como Xavier Seoane, Francisco Salinas Portugal. Xulio López Valcárcel, Lino Braxe  e outros poetas de moi diferentes tendencias.

Participa nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985). Entre as iniciativas conxuntas dalgúns membros deste grupo heteroxéneo destaca o sostemento da revista Luzes de Galiza, onde viron a luz os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso.

1992

Publica Poemas 1981/1991 (1992) no que recolle toda a súa obra poética ata o momento, a inédita e a espallada en revistas e que  reflicte xa unha tendencia etiquetada como punk.

1995

Publica Poesía de amor e enfermidade (1995). Neste derradeiro libro, en vida, de Lois, que foi reeditado nos últimos tempos, atópase un novo xeito de entender a existencia: para aprehendela en profundidade é necesario ter conciencia da morte.

1996

Morre na Coruña o 24 de maio. No seu último recital o 31 de xaneiro, dixo en público que quería ser enterrado no cemiterio de Santa Cristina.

Nese ano do seu finamento, o seu irmán, Xosé Manuel, fai que saia á luz Poemas para unha Loia, constituído a partir de composicións da época madrileña, xa publicadas naquela revista Loia, e dun ensaio: "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia". Nel expón moitas das súas ideas e conviccións sociais e políticas, ofrecendo unha panorámica que inclúe unha chea de referencias directas a escritores, filósofos ou políticos dos que bebe.

O seu epitafio foi proposto por el mesmo no seu último poema:

Cuspídeme enriba cando pasedes
diante do lugar onde repouse
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria.