Ir ao contido principal

Letras Galegas 2004 - Xaquín Lorenzo

Prólogo por Rosario Álvarez

Xaquín Lorenzo "Xocas"

Prólogo, por Rosario Álvarez

Xoaquín María Perfecto Lorenzo Fernández «Xocas» naceu en Ourense o 23 de xuño de 1907. Precisar que naceu na rúa da Paz é algo máis ca unha demostración erudita, porque ela non só era o centro social e cultural da cidade -co seu paseo e co seu Teatro Principal-, senón a rúa que un par de décadas antes vira nacer a Vicente Risco e a Ramón Otero Pedrayo, e na inmediata veciñanza a Florentino López Cuevillas. Medrou no seo dunha familia de clase media con estudos e cunha fonda preocupación pola formación intelectual dos cativos, Xoaquín e o seu irmán Xurxo, nacido en 1910. Estes son os eixos que gobernan a súa infancia: pertencer ao cerne dun tecido urbano mínimo, como o que el mesmo debuxa dun Ourense que remataba poucas rúas máis aló e que permitía un contacto case permanente con espazos máis abertos, e un ambiente familiar letrado, no que deu os primeiros pasos de iniciación cultural e formación humanística. Na distancia, pero vivísima, Lobeira, e máis particularmente Facós, a áncora da aldea, lugar de orixe da familia e lugar de retorno anual durante as vacacións de verán.

O contacto co mundo do galeguismo prodúcese sobre todo a través do fecundo grupo ourensán, e non porque as tres figuras senlleiras mencionadas fosen seus veciños. Na súa andaina persoal é fundamental o contacto con Cuevillas, co que mantivo unha estreita relación de amizade e colaboración: por medio del entra no círculo de don Ramón, que ademais fora profesor seu no Instituto en que estudou o bacharelato, e de Risco; e é coñecida a anécdota, varias veces repetida, de que sendo case adolescente lle presentou a Cuevillas unha maqueta dun carriño do país, feita nas vacacións en Lobeira, e este o animou a proseguir nunha liña e tema de investigación que non abandonaría na vida. E así foi que a pouco de chegar a Compostela, para estudar Filosofía e Letras nesta universidade, ingresou no Seminario de Estudos Galegos co traballo O carro galego(1926).

 

Letras Galegas 2004 - Carro

 

A pertenza ao núcleo da intelectualidade galeguista da época afortálase en dúas frontes. Dunha banda, pola súa integración na Irmandade Nazonalista Galega, liderada por Vicente Risco e na que participan sinaladas personalidades do galeguismo ourensán ou abeiradas a el (Otero, Cuevillas, Losada, Noguerol, Blanco Torres...), que máis adiante había apoiar o manifesto fundacional do Partido Nazonalista Repubricán de Ourense; foi membro do Partido Galeguista desde a súa fundación ata a disolución forzada no ano 36. Doutra, no seo compostelán do Seminario de Estudos Galegos, onde coincide cos máximos referentes intelectuais da cultura galega da época, moitos deles tamén ourensáns e mesmo pertencentes á mencionada Irmandade.

A laboriosidade de Xoaquín Lorenzo está fóra de toda dúbida, tanto polas moitas publicacións individuais e colectivas, coma polas múltiples tarefas que asumiu, polos variados proxectos que axudou a soster, pola súa presenza en múltiples foros ou polas diversas iniciativas que alentou. Alén do seu traballo individual e persoal, sempre se podía contar con el para o traballo en cooperación e para as tarefas colectivas. Foi colaborador asiduo da revísta Nós, a través da sección “Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galicia” e de diversas contribucións etnográficas e antropolóxicas. Participou activamente nas tarefas do Seminario de Estudos Galegos, a través da publicación Arquivos do SEG, colaborando en monografías como Vila de Calvos de Randín (con Cuevillas, 1930) ou Parroquia de Velle (con Cuevillas e Fernández Hermida, 1936) ou participando nos traballos para a unificación ortográfica proposta pola institución (1933). Interrompida a actividade das revistas e institucións da República, que axudara a crear e manter, busca novas canles de publicación xunto cos vellos compañeiros que sobreviven sen se teren que exiliar; visita con asiduidade as revistas ourensás Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense e Boletín del Museo Arquológico Provincial de Orense —como máis tarde o Boletín Auriense—, a compostelá Cuadernos de Estudios Gallegos, a pontevedresa Museo de Pontevedra, a coruñesa Boletín de la Real Academia Gallega, etc. Ademais, os seus contactos científicos no exterior danlle ocasión de publicar no ámbito xermánico (na revista Volkstum und Kultur der Romanen), no ámbito portugués (Trabalhos da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia, Revista de Guimaraes, Revista de Etnografia...), e no ámbito español ou iberoamericano (Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, Archivo Español de Arqueología, Noticiario Arquológico Hispánico, Anales del Instituto de Lingüística...). Agréguese a súa presenza reiterada en congresos e os libros dos que é autor ou coautor. Era un home de proxectos que acudía con presteza a participar nas distintas empresas culturais e científicas que se poñían en marcha en Galicia e sobre a lingua e cultura galegas, participando tanto do círculo dos patriarcas das xeracións anteriores e dos seus máis directos compañeiros xeracionais, coma tamén atendendo entusiasta o chamado das xeracións máis novas.

Na súa obra hai dúas vertentes principais, a arqueolóxica e a etnográfica. A primeira iníciase coa catalogación dos castros de Lobeira (1931), en aparcería co seu irmán Xurxo, e ten continuidade ao longo de toda a súa vida, cunha forte implicación en campañas de excavación programadas por centros de investigación ou instancias oficiais, entre as que se contan demoradas exploracións dalgúns dos xacementos máis importantes para o coñecemento dos nosos devanceiros: nos castros de Borneiro (Cabana), Baroña (Porto do Son), Troña (Ponteareas), Cameixa (Boborás), Cabanca (Castrelo do Val) e Castromao (Celanova), ou na vila romana de Abelenda das Penas (Carballeda de Avia). A súa bibliografía está salferida de importantes achegas continuadas que mostran como esta liña de investigación nunca abandonou o fulcro da súa actividade científica.

 

Letras Galegas 2004 - Casa con corredor

 

A outra liña é a etnográfica, que cultiva preocupado pola progresiva perda de trazos identitarios e pola derruba do mundo tradicional galego que comeza a ser visible á súa volta; ademais, Xaquín Lorenzo predica arreo a necesidade de indagarmos no noso pasado para sabermos quen e como somos no presente. Gracias a el temos testemuños fidedignos da nosa cultura material que doutro xeito se perderían para sempre, salvados para o noso coñecemento polo seu labor persoal ou polos proxectos que alentou. Cumpridas algunhas das peores expectativas do seu mentor, Florentino López Cuevillas, consolámonos coa oportunidade e o valor das colleitas do noso homenaxeado:

Eu sentiría que os carros do meu país pararan de andar polas rúas das nosas cidades, e pararan de laiarse nos nosos camiños aldeáns. Eu sentiría que foran desaparecendo uns tras outros, dise xeito calmo e impracábele con que desaparecen as cousas que non han volver. Eu sei que choraría se soupera que logo, ó paso duns anos, non ía quedar dos nosos carros outra lembranza que os versos de Cabanillas, que foi o seu Homero, e que os libros de Xoaquín Lorenzo que vai ser o seu Herodoto (Prosas Galegas).

Cómpre salientar o volume Etnografía. Cultura material, integrado na Historia de Galicia dirixida por Otero (iniciado en 1950), porque constitúe un fito na bibliografía etnográfica e unha obra aínda de obrigada consulta, como o son tamén os moitos traballos dedicados ao mundo rural e mariñeiro, entre os que destacamos simbolicamente os dedicados á casa rural galega, ao carro e ás embarcacións. Nesta mesma liña cómpre lembrar o seu empeño nun programa museístico que preservase para as xeracións vindeiras o coñecemento do mundo galego tradicional: os primeiros logros viunos como director do Museo Etnográfico do Seminario de Estudos Galegos, que se instala no Colexio de Fonseca (1932), mais xa en 1976 consegue pór en marcha a fundación do Museo do Pobo Galego, que preside ata o seu pasamento.

Foron moitas as distincións que tivo en vida, como mostra do recoñecemento do mundo cultural e científico ao seu labor e como proba do afecto que as súas cualidades persoais suscitaban á súa volta; quen sabe se capaces de compensalo dos soños rotos e da mutilación producida na súa carreira académica polo tallón da guerra e polo expediente de responsabilidades que lle foi aberto por mor da súa militancia galeguista na República. A Real Academia Galega, á que pertenceu desde 1951, ao lle dedicar o Día das Letras Galegas de 2004, honra nel unha vida de traballo e defensa da lingua e cultura galegas, a súa contribución á normalización e codificación do galego como lingua vehicular da produción científica e mais o atesouramento de léxico tradicional e literatura popular que nos legou a través dous seus traballos etnográficos e etnolingüísticos.

Morreu na casa familiar de Facós (Lobeira) o 22 de xullo de 1989