Ir ao contido principal

Letras Galegas 2001 - Eladio Rodríguez

Prólogo de Eladio Rodríguez Rodríguez

Eladio Rodríguez

Meu avó Eladio Rodríguez González naceu o 24 de xullo de 1864 en Ponte de San Clodio, pequena aldea do concello de Leiro, na comarca ourensá do Ribeiro. Veu ó mundo nunha casa moi modesta, a escasos metros da ponte sobre o río Avia. Os seus pais: Camilo Rodríguez, labrego, e Agustina González, costureira.

Cando o seu fillo Eladio cumpre 7 anos, Agustina escríbelle ó seu irmán Matías González, industrial, que vivía na Coruña, pregándolle que o acollese temporalmente para se educar nesa cidade. Arturo Rodríguez Hervada, na súa oportuna e magnífica "Antoloxía Poética" (Ediciós do Castro, 1997) cóntao así:

"Con esa intuición xenial que posúen habitualmente as nais, na carta a seu irmán dicíalle: 'O neno non serve para o campo, o neno é de letras'. A miña bisavoa, modesta costureira aldeá, profetizou así o futuro de seu fillo e non podía ter sido máis certeira".

Ós 24 anos Eladio Rodríguez González trasladouse defitinivamente á Coruña onde faleceu o 14 de abril de 1949.

Durante toda a súa vida foi incansable a súa actividade en varios campos:

  • Periodista - Director dos diarios coruñeses "La Mañana" e "El Noroeste" (1896). Suplemento cultural "Nós" (1918). Colaboracións en varias revistas, entre elas a "Revista Gallega" portavoz da tertulia da "Cova Céltica" á que asistían, ademais de Eladio Rodríguez González, Eduardo Pondal, Murguía, Lugrís Freire, Galo Salinas, entre outros. Presidente da Asociación da Prensa da Coruña (1904).
  • Poeta - As súas obras "Folerpas" (1894), "Raza da Terra" (1922) e "Oraciós Campesiñas" (1927). A Enciclopedia Galega sinala que na súa poesía hai notas de rebeldía e loita. Seu fillo Julio Rodríguez Jordi nun importante estudio, no Boletín de la Academia Gallega, analiza o seu profundo misticismo da terra.
  • Membro fundador da Academia Galega (1905). Secretario e Presidente (1920-1934).
  • Funcionario do Concello da Coruña (1888-1937). Oficial Maior.
  • Bibliotecario do Círculo de Artesáns da Coruña. Elaborou o catálogo de máis de 3.300 obras científicas, literarias e musicais da biblioteca, publicado en 1901.
  • Vicesecretario da Cruz Vermella. Redactou a súa memoria dende 1897 a 1902.
  • Presidente do coro "Cántigas da Terra" (1917). Sempre lle concedera gran importancia á música.
  • Redactou a "Guía de Galicia para el Turista" que lle encomendara a Asociación de Hosteleiros de Galicia (1917).
  • Membro de numerosas agrupacións culturais de diversa índole, entre outras, do Seminario de Estudios Galegos (1927) e colaborou en diferentes actividades políticas: en 1897 formou parte da Liga Gallega e foi membro das Irmandades da Fala, en 1916.
  • O Estatuto. Participou na comisión encargada de redactar un proxecto do Estatuto de Galicia, que propuxo a cooficialidade do galego. Ano 1932.
  • A súa gran obra: o "Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano" que pacientemente foi construíndo mediante a recollida de palabras e a súa clasificación en numerosísimas cuartillas ó longo da súa vida. O texto do Diccionario, tal e como o coñecemos hoxe, non é exactamente o recollido por meu abó, pois sufriu unha reducción tanto no número de entradas coma no seu contido, dado o volume do manuscrito actualmente depositado na Fundación Penzol de Vigo, onde ocupa varias caixas de cartón cheas de cuartillas, quince mil, según publicou Ramón Piñeiro na revista Insula en 1959.

As entradas publicadas no Diccionario son 45.673.

A simple enumeración destes datos e a consideración de que esta obra foi proxectada e realizada polo seu esforzo individual exímenos de calquera comentario ou adxectivación.

Foi un gran coñecedor da lingua como se pón de manifesto no Diccionario e na súa poesía de gran riqueza léxica. Da paixón polas palabras dá conta Otero Pedrayo no seu prólogo ó Diccionario: escribe que don Eladio "hasta durmindo recollía verbas" e que "comenzou de neno e rematou co devandeiro alento".

A miña paixón polos libros, pola lectura é unha clara influencia de meu abó. Ó evocalo fisicamente, adiántanseme coma nun primeiro plano a súa fronte ampla, o bigote e os ollos penetrantes.

Lembro que na miña infancia celebrábamos as festas de Nadal e Aninovo na súa casa da rúa de San Andrés na Coruña. Reuníamonos entre fillos e netos unhas vinte persoas. A mín, por se-lo maior dos meus curmáns, permitíame a miña tía Mercedes -solteira, vivía con seus pais- entrar na biblioteca. Enriba da mesa do escritorio as cuartillas brancas, escritas coa fermosa letra de meu abó. Alí tiven a impresión, case a certeza - coa inexplicable certeza dos meus dez anos- de que aquelas cuartillas -moitas recollidas en carpetas- ían co transcorrer do tempo a transcender a súa sinxela presencia.

Meu abó non puido ver editado o Diccionario. Publicouse logo da súa morte. Cunha incontenible forza e ilusión terminárao e as cuartillas convertidas agora en libro viaxan no tempo.

Eladio Rodríguez Rodríguez