Ir ao contido principal

Letras Galegas 2000 - Manuel Murguía

Manuel Murguía

Manuel Martínez Murguía naceu no ano 1833 nunha pequena casa labrega do lugar de Froxel. Lugar este da freguesía de San Tirso de Oseiro, no concello coruñés de Arteixo. Volvía a súa nai de cumprir unha promesa no veciño santuario de Pastoriza, cando a acometeron as dóres do parto. O humilde campesiño en cuio fogar se produciu o nacemento do futuro escritor, foi o seu padriño de pía.

Os pais de Murguía, santiagués el, vasca ela, viviron de primeiras na Coruña. trasladáronse despóis a Compostela, onde se estableceron cunha botica. Contaba a penas trece anos o fillo cando se produciron os sucesos revolucionarios do 1846. As tropas de Solís, xefe da sublevación, acornelláronse no mosteiro de San Martiño Pinario. O pequeno Manuel puido presenciar, apampado, algúns dos aconteceres, que deixarían no seu ánimo impresión duradoira.

Cursou o rapaz o bacharelato, e encetou posteriormente, por decisión paterna, os estudios de Farmacia nas aulas compostelás. Pero as súas afeizóns non cadraban con tais estudios. Apercibiuse de que gostaba máis da literatura que da carreira que se lle asignaran. Resolveu irse a Madrid. Amosou alí de contado certa precocidade no cultivo das tareas literarias. Contaba só dezasete anos cando escribiu "Desde el cielo", a súa primeira novela. Publicouna en folletín no xornal "La Iberia". Dela chegaron a se facer ata nove edicións, e foi traducida a varias línguas.

Manuel Murguía

Mália o éxito acadado, o autor comezou a sofrir privacións e angurias económicas. Non tardou, porén, en adquirir relacións no mundo das letras, mesmo na política, que lle abriron camiño en plena mocedade. Líanse os seus traballos, aplaudíanse, e permitíronlle vivir con algunha folgura. Pero un feito, sen aparente transcendencia, ía cambiar o rumbo da súa vida. Unha poeta galega ata entón descoñecida, publicou en Madrid un volume de versos primeirizos, titulado "La flor". O escritor adicoulle ó libro un artigo crítico altamente louvatorio. Xurdiu así unha simpática intimidade entre Rosalía Castro e Manuel Murguía. A intimidade rematou co casamento, celebrado en 1858.

O matrimonio abandonou o escenario madrileño para regresar a Galicia. Residiu sucesivamente, na Coruña, en Santiago, en Vigo, en Lugo. Daquela encetouse un profundo cambio na vida de Murguía. Botouse a reflexionar, e pareceulle, ollando cara atrás, que non fixera nada serio, que nada atinxira que tivese consistencia e cerne. Foi así como comezou a se entregar de cheo, e xa para sempre, á obra do rexurdimento galego.

Emprincipiou a súa laboría dirixindo xornais, pero convertiuse axiña en erudito. A primeira amosa desta nova actividade ofreceuna no "Diccionario de escritores gallegos". Posteriormente, no ano 1865, editou o primeiro tomo da "Historia de Galicia". O triunfo da revolución de setembro do 68 levou ó poder a vellos amigos do escritor, consagrado agora á tarefa da renacencia cultural galega. Nomeárono xefe do Arquivo Xeral de Simancas. O cargo permítelle meterse no mundo dos antigos documentos, e tirar deles bó proveito. Pero o seu desexo era voltar á terra que tanto amou. Atendérono os seus protectores, e pasou a desempeñar a xefatura do Arquivo Xeral de Galicia.

Manuel Murgía

A restauración do 75 deixouno cesante. Daquela, voltou ó labor periodístico, e dirixiu "La Ilustración Gallega y Asturiana". Pasado un tempo foi designado Cronista Xeral do Reino de Galicia. A seguido, publicou na "Biblioteca Gallega", fundada por Martínez Salazar, o belo libro "Los Precursores". A figura do escritor cobrou de cada vez máis un acusado releve no campo da cultura galega. En 1890 celebráronse en Barcelona uns Xogos Florais, nos que pronunciou un sonado discurso. Constituíu un dos seus máis salientables triunfos. En acto de grande solemnidade, distinguírono co título de "Mestre en Gay Saber".

En todo caso, Murguía era o principal e máis respetado animador dos grupos intelectuais que, en Galicia, laboraban polo renacer da cultura autóctona. A súa obra proxectouse nos eidos da creación literaria, no da crítica, e no da investigación. Porén, a que lle produciu maior sona na época foi a de historiador. Vicente Risco, que o estudiou con agudeza, sostivo que tal actividade redúcese doadamente a un sistema coherente e pechado. Neste sistema descóbrese unha idea central: Galicia. Plantexouse a demostración étnica, xeográfica, idiomática, histórica, desa idea. Tirou dela un corolario: A restauración integral do país galego.

A "Historia" quedou inconclusa. Os catro volumes rematados e a parte impresa do quinto, chegaron só ós primeiros reis de León. Sen embargo, os traballos históricos de Murguía chegaron moito máis adiante. Por iso, ata certo punto, poderían completarse con outros libros que, sen formar narración seguida, marcaron etapas fundamentais do desenvolvemento de Galicia: "Don Diego Gelmírez", "Los trovadores gallegos", "El arte de Santiago en el siglo XVIII", "Los Precursores".

O gran labor realizado por Murguía non se esgotou na obra escrita. Si como home de letras foi unha persoalidade singular, non foi menor o seu releve como alentador e inspirador dun movemento cultural de significativa importancia. Mesmamente, pola autoridade atinxida neste aspecto, resultou posible que o seu influxo se deixase sentir noutras figuras da súa época. Influxo que se evidenciou, sobre todo, nos dous maiores poetas galegos do dezanove: Rosalía de Castro e Eduardo Pondal.

Si revelou a presencia da primeira cando publicou "La flor", e a decidiu a escribir na lingua natal, algo semellante experimentou co autor de "Queixumes dos pinos". Mesmo, cabería decir que no prólogo que lle puxo a "Femeninas", preanunciou o futuro literario de Valle-Inclán: "El libro no es tan solo un dichoso comienzo y una segura promesa, sino el fruto de una inspiración dueña ya de las condiciones necesarias para alcanzar de golpe un primer puesto en la literatura del país". Como contrapartida, Valle-Inclán dixo do autor do libro "En prosa" cando o coñeceu, que foi "el primero y el mejor que, en la tradicional aridez de la prosa castiza, hizo cantar, para regalo de todos, las líricas alondras".

Murguía, ó cabo, era un home enteirizo, independente, rebelde, que non quixo axeitarse a convencionalismos. Había unha preocupación dominante no seu espírito: a do rexurdimento de Galicia. Por riba de todo, estaba nel o profundo amor á terra natal. Pouco antes de finar, o infadigable estudioso sufriu un golpe que lle desconxuntou unha perna. Pese a elo seguiu a traballar. Sentaba diariamente no seu escritorio moi de mañá, ordeaba papeis, escribía. Morreu o 2 de febreiro do 1923. O seu pasamento constituíu unha dramática mágoa para Galicia. Manifestouse con total unidade poucas veces vivida no país.

Francisco Fernández del Riego