Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e xestionada pola Biblioteca de Galicia. O proxecto ten como obxectivo a dixitalización dos fondos bibliográficos máis relevantes para Galicia. A súa finalidade é lograr a máxima visibilidade dos recursos dixitais integrados nela e a interoperabilidade cos principais proxectos de dixitalización existentes hoxe en día (Hispana e Europena).
Galiciana integra actualmente, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia, obras dixitalizadas en colaboración coas principais bibliotecas patrimoniais galegas. Nela pódense consultar recursos dixitalizados en institucións culturais tan importantes para Galicia como a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Seminario de Mondoñedo ou a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.