Ir ao contido principal

Letras Galegas 2003 - Avilés de Taramancos

Antón Avilés de Taramancos: vida e poesía

Antón Avilés de Taramancos: vida e poesía
Por Aurora Marco

 

INFÁNCIA E ADOLESCÉNCIA EN TARAMANCOS (1935-1953)

Taramancos é unha pequena aldea da parroquia da Boa, que dista do concello a que pertence, Noia, tres quilómetros. Unha aldea de trinta casas, entre a praia de Testal e o souto de castiñeiros e nogueiras que se recorta no horizonte. Nunha desas casas naceu o escritor Antón Avilés Vinagre o 6 de abril de 1935. Fillo de Manuela Vinagre Fuentes, labrega, e de Severiano Avilés Outes, zapateiro de profisión e máis tarde mariñeiro. Ali naceron tamén os seus irmáns Guillermo (1940); José Manuel (1942) e Alfonso (1945). A primeira filla do matrimónio, Josefa, morrera con pouco máis de dous anos, en setembro de 1935. Duas nenas máis e tres nenos naceron mortos.

En Taramancos está o mundo inicial do poeta, entre o agarimo familiar –coa avoa e a nai como pontos de referéncia-, as xentes do lugar, os amigos, os xogos, a escola e os traballos dunha casa labrega, que en inverno daba traballo a moitos xornaleiros. Infáncia feliz, decisiva para o futuro do escritor, que foi entrando mainiño na vida, nesa vida dun cativo no meio rural.

Até o curso 1946-1947 asistiu à escola de Boa, à frente da cal estaba Jesús Ríos Silva, un mestre que viu no rapaz de Taramancos excelentes aptitudes para a escrita. Máis adiante, en Noia, Manuel Fabeiro apoiou e guiou os primeiros pasos do poeta que, aos quince anos, viu impreso o seu primeiro poema na revista noiesa Tapal.

De 1947 a 1950 estudou no Coléxio "Andrés Manjón" de Noia, rebaptizado como "Academia Balmes" en 1949. Avilés fixo o ingreso no Instituto Xelmírez de Santiago en xuño de 1948 e o primeiro curso en setembro dese mesmo ano. En xuño de 1949 aprobou as matérias de segundo e, un ano despois, en xuño de 1950, as de terceiro. Ao finalizar o 3º curso de Bacharelato e antes de marchar à Coruña para iniciar os estudos de Náutica, conseguiu o título na Escola de Mecanografia da "Real Sociedad Económica de Amigos del País".

O entorno labrego e mariñeiro en que se movia, todas as vivéncias daquela etapa, ficaron plasmadas naqueles primeiros versos, hoxe perdidos, e nos publicados posteriormente: poemas de exaltación de todo o galego na sua vertente rural, campesiña e mariñeira; poemas de amor; poemas en que afloraba esa fina ironia de que estaba dotado xa desde novo, como os dedicados a algun profesor da Académia Balmes. Ao tempo, Avilés, que tiña unha grande afeizón pola leitura, ia adquirindo unha grande formación, inusual para os rapaces daquel tempo.

Se daquela produción inicial só hai notícias, a partir de 1950 viron a luz poemas publicados na revista noiesa Tapal, que contou coa colaboración de destacadas personalidades da cultura galega: "Eu non sei que tendes" (1950); "Morriña" (1951); "Saloucos d´un emigrante" (1951); "Poema da lúa e do mar"( 1952); "Antón de Noia" (1952); "Cadarso" (1952); "Lume que morre" (1953); "Soneto" (1954); "Morte belida" (1955). Con "Antón de Noia" e "Cadarso", obtivera o poeta "Mención honorífica" de poesia en galego no Certame Comemorativo do Centenário da fundación do Circo de Recreación, o Casino noiés. Outras composicións desta etapa da sua autoria son: "Ofrenda a Manuel Antonio. Poema da nai soia" (en Rianxo, suplemento de Sonata Gallega, 1952); "Lume que morre" e "A Castelao" (en Lar, Buenos Aires, 1953). Entre os inéditos recuperados desta etapa figuran: "Eran pañuelitos blancos en adioses sensibles" (datado o 25 de marzo de 1952); "Paloma" (1953) e "Levarei na miña dorna" (1953).

Nesta poesia inicial aponta xa sensibilidade, a musicalidade e a riqueza léxica que chegará a ser un dos aspectos máis destacábeis da sua linguaxe poética.

A ESTADIA NA CORUÑA (1953-1960)

Avilés trasladou-se à Coruña empurrado polo seu pai, que queria seguise estudos na Escola Náutica, estudos que non espertaban nengun entusiasmo no poeta. O noiés instalou-se naquela cidade no curso 1953-54. En maio de 1953 solicitou a admisión ao exame de ingreso. Esta é a única constáncia documental do paso de Avilés pola Escola de Náutica, a do ingreso, que superou en setembro dese mesmo ano. Outros intereses, outros compromisos -non os académicos- ataban ao poeta, nomeadamente a literatura, a poesia, Galiza.

A partir de novembro de 1953 documenta-se a sua presenza na Coruña. Nesta data pronúncia unha conferéncia nos salóns do Ministério de Información e Turismo sobre "A saudade en la poesía celta", no marco das actividades que desenvolvia a "Peña Amanecer", movimento xuvenil nacido en 1953 e integrado por José María Guillén Rodríguez, Alfonso Gallego Vila, Manuel Álvarez Torneiro e o próprio Avilés, ao que se unirian máis tarde outros poetas. Con eles participou activamente en recitais, conferéncias, nas festas da poesia que celebraban cada 21 de marzo, nos famosos "viafloris" poéticos, en veladas literárias. Era un grupo moi activo, que alguns tomaban a broma, todo hai que dicé-lo. Mais as suas actividades abriron-lle as portas aos médios de comunicación. Gozaron, en xeral, de boa prensa: tiñan poder de convocatória; un pai espiritual (González Garcés) e mantiñan relacións co grupo de poetas de Ferrol, "Aturuxo".

Neste período na cidade herculina, decisivo para o seu futuro como escritor, entrou en contacto cun mundo novo para el, un mundo irreal onde a literatura, a pintura, a arte, existian, e andaban polas ruas, polas tabernas, tiñan voz humana, en palabras do poeta. Foron anos de aprendizaxe, de reafirmación no seu ofício (elexido) de poeta, de profundización no compromiso nacionalista; anos, sobretodo os últimos, dun certo desacougo provocado pola inseguridade perante un futuro incerto, como se desprende da correspondencia persoal, e anos de abundante produción literária, moita dela perdida.

Nas lembranzas daquel tempo sempre aparece a figura fascinante de Lugrís. Da sua man entrou o noiés no mundo da boémia coruñesa: tertúlias nas tascas e cafés, irmandade coas xentes da cultura: pintores, escritores, xentes do teatro, músicos. As ruas de Olmos, Galera, A Estrela foron testemuño excepcional daquelas noites de poesia, arte, grolos de viño e ousadia, nun entorno sócio-político que non entendia as argalladas daqueles mozos, e non tan mozos: "Habia que deixar-se pasar por persoaxes pintorescas -falar galego era pintoresco- e andar nas catacumbas á percura dalgunha persoa afin para contar as nosas cuitas ou os anguriantes proxectos de futuro".

Na Coruña estabeleceu relacións cun grupo de mozos comprometidos co seu povo, coa sua terra: Xohán Casal, Reimundo Patiño, Enrique Iglesias, Eduardo Martínez. Os catro celebraron unha cerimónia, "O xuramento de Laracha", unha noite de 1954 onde se comprometeron à defensa dunha Galiza ceibe e popular. Coñeceu tamén aos irmáns Carré Alvarellos, Leandro e Uxio; a Álvaro Cebreiro, o autor do manifesto "Máis alá"; aos irmáns Vilar Chao, a Alexandre Cribeiro, compañeiro de mili; a Manuel Maria e Novoneira; a Otero Pedrayo. Con todos eles mantivo vivo e afortalou o fermento da galeguidade.

O período do servício militar no Ferrol (1956-1958) aproveitou-no o escritor para ler e escreber, para relacionar-se cos membros de "Aturuxo" (Tomás Barros, Mario Couceiro, Miguel Carlos Vidal), cando as suas obrigas como escribente llo permitian, para impartir clases aos soldados e para seguir compondo versos, alguns dedicados à vida no Cuartel de Marineria, e mesmo un silábario para que os nenos aprendesen o galego.

O sentido da amizade e un profundo e desinteresado amor por Galiza, uniu-no de por vida ao pintor coruñés Xosé Luís Rodríguez Sánchez. Nestas coordenadas amistosas hai que interpretar a presenza do poeta en San Xulián de Samos no verao ou outono de 1958, etapas de permanéncia do pintor naquel mosteiro para realizar os murais do Claustro de Feixóo, centrados na vida de San Bieito, onde están os rostos dos amigos e amigas, entre eles Antón Avilés, imortalizado na figura do diaño.

As experiéncias coas xentes do teatro constituen un interesante capítulo na sua traxectória vital e literária. Entre os amigos: Antonio Naveyra Godoy, director do Teatro de Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana; actores e actrices: Xosé Luís Caramés, Marisa Naya, Xoan Rodríguez Guisán, Pili Rodríguez Guisán, Jesús Mosteiro, o pintor Xosé Luís Rodríguez… Con eles participou como axudante na montaxe dun auto sacramental de Xosé Luis López Cid, La mujer más probada, na igrexa de Santa Eufemia de Ourense o 12 de xuño de 1955; e na representación de O incerto Señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca, acontecida no Teatro Colón da Coruña en agosto de 1959.

Nos anos que permaneceu na cidade acrescentou-se aa vocación nacida en Taramancos. Alén dos poemas perdidos, outros viron a luz en Lar (1954); en Atlántida (1955), onde tamén publicou en separata As moradías do vento (1955); en 4 Ventos (1955); en Aturuxo (1958); no Programa oficial de Fiestas de San Juan Bautista de Sarria (1959); en La Noche (1960). E o libro A frauta i-o garamelo (1959), moi ben acollido pola crítica, que destacou a forza da expresión, o ímpeto criacional, a musicalidade e a rica e viva fantasia.

Deixou inéditos os poemários Pequeno canto para un peito xoven, co que concorrera ao certame convocado polo grupo Brais Pinto en outubro de 1960, e co que ficara finalista; e Poemas soltos a Maricarme Pereira (1961), publicados anos despois en O tempo no espello (1982).

No verán de 1960 volveu a Noia. A idea da emigración xa bulia no seu maxin. Da Coruña voltara algo desnortado en canto ao futuro. Sentia-se un "guerreiro fracasado" e buscaba un médio para sobreviver. Por encontrar unha saída económica à sua vida e máis por certas presións políticas, decidiu emigrar, idea en que matinaba desde o ano anterior. Suiza era o destino pensado inicialmente mais, finalmente, seria Colómbia o país elexido. A través das xestións do cónsul de Colómbia –Jorge González Villaverde, casado cunha noiesa–, Avilés partiu para Bogotá en 1961.

COLÓMBIA (1961-1980)

En outubro de 1961 iniciou o periplo americano que duraria case duas décadas. Coa equipaxe lixeira, algo de roupa, un gabán no brazo e pouco diñeiro, chegou a Bogotá e contactou con José Sanz de la Helguera, máis coñecido por "Mendo", para quen levaba unha carta de recomendación de Pucho Ortiz.

De 1961 a 1970, o período de maior inestabilidade, pasou polos máis variados ofícios e tentou trasladar-se a outros países (México, Venezuela). Estivo ao comezo nas oficinas da fábrica de manteiga "Retina" e en marzo de 1962, por médio do escultor compostelano Xesús Picón, entrou na Embaixada de Brasil como mordomo. Ali encontrou non só un ambiente agradábel, tamén a Sofia Baquero Céspedes, a colombiana con que formou unha família e con quen permaneceu até a sua morte, a compañeira con quen compartiu momentos de alegrias e de adversidades.

En outubro de 1963 un novo traballo nas oficinas de Iberia, no aeroporto de Bogotá, onde despachaba billetes ou conducia os pasaxeiros ao avión. Outros ofícios que desempeñou por aquel tempo estiveron ligados à hostelaria: no bairro de Chapinero, no centro de Bogotá, e en "Rincón Llanero", en "La Casa de la Troya" (Cali; en "La Tablita", xa de volta en Bogotá; no bairro "Minuto de Dios", nos arredores de Bogotá, para atender unha marranería, na Bayer, S.A., como especialista en tratamento de águas… Como distribuidor-vendedor da Editora-Libraria Santa Cruz, coñeceu a José Porto, un galego que rexentaba a Libraria Cultural Colombiana, con sucursal en Cali. Ali marchou Avilés con Sofia e os dous fillos Santiago e Luís. Antes casaron en Bogotá, o 29 de novembro de 1970. En Cali naceu o terceiro fillo, Guillermo (1971). Unha nova etapa de case dez anos comezaba para a família, unha etapa de estabilidade económica e de certo acougo.

Co traballo como xerente na Cultural Colombiana de Occidente, en Cali, transcorreron os mellores anos da familia Avilés-Baquero por terras andinas (1971-1980). O poeta volveu aos recitais, a organizar actividades culturais, como aquela exitosa feira do libro o primeiro ano da sua chegada. E mesmo tentou a aventura política co xornalista cubano José Pardo Llada, radicado en Cali en 1961, no denominado "Movimento Cívico" que chegou a apresentar-se às eleizóns.

Nen os amigos, nen a chegada dos fillos, nen o novo traballo, co que se sentia máis realizado do ponto de vista persoal, facian-no esquecer por un momento a terra que deixara aquel mes de outubro de 1961 ("Este brado da terra, esta atadura, / esta diaria e fonda coitelada / que escarabella na raíz mais pura, / tenme a vida de morte atravesada"). Por iso volveu a Galiza: en abril de 1980 chegou o escritor ao porto máis abrigado do mundo, Noia, coa lembranza da avoa, que morrera en 1973, do seu canto, da sua voz que acubillaba, e "as bágoas xordas a caer na alma".

Os anos que viveu en Colómbia foron fundamentais para a sua produción literária posterior. Alén da obra escrita durante aquel período, o xerme dos nostálxicos Cantos caucanos (1985) hai que buscá-lo naquel país, na estadia caleña, onde a família residiu desde 1971. Avilés non abandonara a escrita e ali compuxo Poemas da ausencia, 1ª parte (1963), os poemas do emigrante habitados pola saudade. Na 2ª parte (1969), en que de novo a nostálxia da terra nai estala en fermosos e irados versos, no "pranto dun tigre malferido e lonxano", inícia-se a fusión do poeta co mítico Ulises/Odiseo, unha constante na sua obra posterior, un leit-motiv que estará presente a partir daquel momento na produción literária, poética e prosística.

Nova crónica de Ulises (1978), constitui o derradeiro libro composto, en parte, naquel país. Dous poemas, "¡Ai a miña cidade de sol!" e "Cali" están escritos desde a saudade da terra americana, que se manifestará palpabelmente en Cantos caucanos: "Agora teño saudade/ do camiño que hei de andar/ lonxe da miña cidade".

NOIA (1980-1992)

Coller brio para nova andadura. Esa foi a idea de Avilés ao chegar a Noia. Axiña buscou un oco e quixo por-se ao dia. Comezou a participar de forma activa nas actividades da vila e puxo-se ao traballo con entusiasmo. A sua presenza nesta década de 1980 en actos culturais foi constante: encontros de escritores; numerosos recitais por vilas e cidades; debates, actos reivindicativos; conferéncias en asociacións culturais e centros de ensino; discursos, alguns recollidos en Obra viva… Actividade intensa que non lle impediu dedicar-se ao labor poético.

O contacto con Galiza, coa xente que o facia sentir, o afianzamento na própia terra, a recuperación das raíces e da forza criadora, deron-lle ao poeta un vigor extraordinário. Alén desta actividade incesante, abrollou o labor poético e comezaron as colaboracións en Dorna, Cen augas, Caravela de xiada, A Nosa Terra, Agália, Boletín Galego de Literatura, Nó, Luzes de Galiza, Seiva, Mocidade, Eis …

A publicación de O tempo no espello (1982), que inclui a obra anterior a 1980, foi unha excelente carta de apresentación para o escritor de Taramancos. Salvador García Bodaño destacaba na Introdución que a sua produción poética "é dunha calidade e dimensión xa moi pouco frecuente".

Desde que chegou a Noia escrebeu de xeito ininterrompido poemas e poemas que entregaba aos amigos e amigas; composicións ou prosas líricas para programas de exposicións; poemas destinados a personaxes populares de Noia e aos amigos, como os "Sonetos de corpo enteiro" (1980); a obra de teatro, Tres capitáns de tempos idos, para que a representasen os escolares da Serra de Outes (1983), publicada este ano; colaborou con tres seccións no xornal Barbanza, dirixido por Socorro Santos Lorenzo, que durou case dous anos (1988-1989). Parte dos textos foron reunidos na edición póstuma Obra viva (1992). E tivo tempo para participar na actividade política como Concelleiro de Cultura no BNG de 1987 a 1991, unha etapa enormemente produtiva no terreo das realizacións.

Nesta década sairon os libros que o consagraron como un dos máis importantes poetas do século XX: Cantos Caucanos (1985), nacido da saudade revertida, do amor a Colómbia, é unha exaltación, unha homenaxe de amor a aquela terra percorrida pola luz extensa do Cauca por onde desfilan cidades, personaxes, a música, paisaxes, amores, olores, sabores, e até a receita do sancocho, que Avilés preparaba moi ben. Con este libro de madurez converteu-se en referéncia incuestionábel dentro da poesia galega. Foi premiado pola "Asociacion de Escritores de España", en 1986, e ficou finalista do "Premio Nacional de Literatura".

En Nova Crónica das Indias (1989), libro de relatos escrito ao xeito das antigas crónicas, oferece unha visión da terra onde viveu, mesturada con elementos autobiográficos. Son dezaseis relatos, en que a realidade e a ficción se entrelazan. Entre o texto que abre o libro (un retrato da vida na aldea, da infáncia feliz en Taramancos) e o epílogo (o regreso de Ulises a sua Ítaca particular), hai catorce textos coprotagonizados por personaxes que tiveron algo que ver na vida do poeta.

As torres no ar (1989), ilustrado con debuxos de Urbano Lugrís, Alfonso Costa e Alexandre González Pascual, supón a recuperación do paraído perdido, unha maneira de entrar de novo na terra retomando o tempo da infancia, cunha temática centrada na terra, no mar e no amor, os camiños que sempre tripou o poeta.

En edición póstuma viu a luz, en decembro de 1992, Última fuxida a Harar, o libro que foi compondo durante o proceso da enfermidade, un testamento poético, acompañado de fermosas ilustracións, onde se funde de novo a vida coa literatura, coa poesia. En nota introductória, Miguel Anxo Fernán Vello, a quen dedicou o libro, apresenta o poemário como "o produto dunha imensa fe no acto poético: enfrentado o autor, con lucidez rimbaudiana, a unha morte anunciada e cruel…".   

A obra de Avilés de Taramancos foi considerada como "unha das mellores poéticas que podían suceder nunha Galicia necesitada de esperanza dos seus mellores homes" (Ramiro Fonte); "Un dos estádios máis brillantes da história literária contemporánea" (Miguel Anxo Fernán Vello), por citar duas críticas autorizadas na matéria.

 

Na primavera de 1991 fixo aparición a enfermidade, un cancro de ganglios linfánticos. Apenas dous anos despois da morte de Lela da Pastora -a "mater amabilis, amantíssima mãe, amor de pedra firme", falecida en maio 1990- morreu Antón Avilés no Hospital "Juan Canalejo" da Coruña o 22 de marzo de 1992. Morreu novo, ia cumprir 57 anos dias despois, mais deixou atrás unha vida intensa, rica en amizades, en amor, e unha obra literária que hai que situar entre a mellor produción escrita en Galiza na segunda metade do século XX.

(Do libro Avilés de Taramancos. Un francotirador da fermosura, Ed. Toxosoutos, Noia, 2003)