Ir ao contido principal

Minerva - Guía de autoarquivo

Antes de autoarquivar

Iniciar envío

Existen dúas posibilidades para iniciar un novo envío: 

1.- Percorrer as coleccións existentes e na páxina da colección na que desexa depositar facer clic no botón “Enviar un ítem a esta colección”.

Envio items Minerva, paso 1

2.- Acceder ao espazo “A miña conta” e no apartado “Envíos” premer sobre o botón “Comezar outro envío”. 

Envio items Minerva, paso 2

A continuación debe seleccionar a colección na que desexa depositar o documento a través do despregable no que aparecerán só as coleccións nas que teña permisos para depositar. Teña en conta a tipoloxía do documento para incluílo na colección axeitada: artigo de revista, capítulo de monografía, achegas a congresos, etc.

Envio items Minerva, paso 3

 

IMPORTANTE: No caso de documentos relacionados con xornadas, congresos, etc. teña en conta as seguintes recomendacións: se a presentación, póster, etc. non foi publicada, elixir a colección de “Achegas a xornadas, congresos”, pero se forma parte dunha publicación periódica, elixir a colección “Artigos”, e se forma parte dun libro, elixir “Libros e capítulos de libros”.

Na seguinte pantalla comezará o proceso de descrición do recurso. A información introducida constitúe o rexistro de metadatos que permitirá aos motores de busca recuperar o documento. Unha descrición o máis completa e detallada posible aumenta as posibilidades de que o traballo sexa atopado.

Na parte superior da páxina aparece un diagrama formado por oito botóns que indican os pasos a seguir. Na medida en que se introducen os datos, os botóns cambian de cor indicando sempre a fase do proceso na que nos atopamos.

Envio items Minerva, paso 4

O envío pode interromperse en calquera momento do proceso, só hai que premer na opción “Gardar/Saír” na parte inferior da pantalla. Deste modo pódese recuperar a descrición e continuar co proceso no punto en que se abandonou.

 

Envio items Minerva, paso 5

Para retomar un envío gardado, prema sobre a opción “Envíos” do espazo “A miña conta” na columna da dereita de Minerva. O envío almacénase na sección “Envíos non rematados”. Prema no título do traballo e na seguinte pantalla prema “Retomar” para continuar co envío. 

Seleccionar tipoloxía de documento

Elixa no despregable o tipo de traballo que mellor se axuste ao documento en cuestión. 

envio_items_minerva

 

As equivalencias de tipo de documento en galego son: 

annotation nota de xurispridencia / anotación / comentario
bachelor thesis traballo de fin de grao / proxecto de fin de carreira
book libro / monografía
book part capítulo de libro / parte de libro
conference output    contribución a congreso
dataset

conxunto de datos / grupo de datos

design deseño
doctoral thesis tese de doutoramento
image imaxe / figura
journal revista / revista científica
journal article artigo / artigo científico
learning object obxecto de aprendizaxe
lecture relatorio / conferencia académica
magazine revista divulgativa
map mapa
master thesis traballo de fin de máster / tese de máster
moving image imaxe en movemento
musical notation notación musical
other outros
patent patente
preprint versión enviada
report informe / estudo
review recensión
software software
sound son
video vídeo
working paper documento de traballo


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Unha vez seleccionada a tipoloxía documental, prema en “Seguinte” para continuar co proceso de envío.

Describir o traballo

Os datos para encher en cada unha das pantallas de descrición poden variar en función da tipoloxía documental seleccionada. Algúns campos, os marcados cun asterisco, son obrigatorios. Se algún deles permanece baleiro o sistema non permitirá avanzar na descrición.

Autor/es* (Campo obrigatorio) 
Introducir na primeira caixa os apelidos e empregar o botón "Busca" para verificar se o autor xa figura no repositorio e cal é a forma do nome empregada.

Describir item en Minerva, campo autor

Na seguinte pantalla seleccionar o nome correcto e premer "Add this person".

Describir item en Minerva, campo autor, paso 2

 

Se o nome non aparece no listado, introducir os apelidos na primeira caixa de texto e o nome na segunda, empregando maiúsculas soamente nas letras iniciais en sen esquecer os acentos. Sempre será preferible introducir as formas do nome máis completas para evitar confusións entre homónimos.

Se hai varios autores deben introducirse, cada un nunha caixa, premendo "Engadir" e na mesma orde na que aparecen no documento. No caso de que o número de autores sexa moi elevado (por exemplo, máis de dez), inclúa o primeiro (sexa ou non da USC), aqueles autores USC intermedios e o último (sexa ou non da USC).

Centro/Departamento
Se procede, elixa no menú despregable o Centro ou Departamento da USC co que o autor estea vencellado. No caso de varios autores pode seleccionar todos os campos necesarios empregando a tecla CTRL.

Describir item en Minerva, campo centro ou departamento

Título* (Campo obrigatorio) 
Introduza o título tal e como se atopa no documento pero teña en conta as seguintes pautas: empregue maiúsculas só na letra inicial do título e dos nomes propios, inclúa os subtítulos precedidos de dous puntos, evite o punto final.

Outros títulos 
Introduza as variantes do título como títulos noutra lingua, acrónimos, etc. Os diferentes títulos deben introducirse cada un nunha caixa de texto e na mesma orde na que aparecen no documento.

Data* (Campo obrigatorio) 
É obrigatorio cumprimentar como mínimo o dato do ano. Non é necesario introducir o mes e o día se non se coñecen. No caso dos documentos non publicados previamente introducir a data na que se realiza o depósito.

Editor 
Inserir o nome oficial do editor na forma en que apareza na publicación. Se o editor é una entidade subordinada introduza primeiro o nome da entidade principal e, separado por coma, o nome da entidade dependente. Exemplo: Universidade de Santiago de Compostela, Departamento de Matemática Aplicada. En caso de coedición empregue unha caixa de texto para cada editor premendo no botón "Engadir".

Cita
Para a elaboración da cita bibliográfica pódense empregar diferentes sistemas (norma ISO 690, APA, MLA, etc.). Minerva, seguindo as indicacións das Directrices DRIVER 2.0, recomenda a utilización do estilo APA pero sen incorporar estilos tipográficos como grosas, cursivas, etc.

  • Artigos de revista: Apelido(s), Nome. (Ano). Título do artigo. “Título da publicación seriada”, volume, número, páxinas.

Exemplo: Romero, M.I., Amigo, J. (2009). Una nueva Commelinaceae invasora en Galicia. “Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxía)”, vol. 18 , 111-113

  • Capítulos de libros: Apelido(s), Nome. (Ano). Título do capítulo. En: Editor(es) da obra completa. “Título da obra” (páx. do capítulo). Lugar de publicación: editorial

​Exemplo: Álvarez de la Granja, M. (2008). Os antropónimos figurados valorativos. Caracterización e uso (I). En: “Cada palabra pesaba, cada palabra medía : homenaxe a Antón Santamarina” (pp.55-64). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela

  • Comunicacións presentadas en congresos, conferencias, etc. Apelido(s), Nome. (Ano). Título da achega. En.: “Título do Congreso”. Número de edición. (páx. da contribución). Lugar de publicación: editorial

Exemplo: García Santiago, J. (1992). O padroado da cultura galega. En: “Congresso Internacional de Língua Galego-Portuguesa na Galiza”, (Vigo, 1990) (pp. 153-156). A Coruña: AGAL

Serie/Nº Informe 
Cumprimentar só cando o documento é un libro que pertence a unha colección ou cando se trata de informes ou documentos de traballo que teñen un número.

Identificadores 
Este campo só debe ser cumprimentado para traballos publicados con anterioridade. Elixa no despregable o identificador máis axeitado.

Describir item en Minerva, campo identificadores

ISSN/E-ISSN (International Standard Serial Number) para publicacións periódicas.
ISMN (International Standard Music Number) para música escrita.
URI (Universal Resource Identifier) para sitios e páxinas web.
DOI (Digital Object Identifier) introducir sempre que exista. É importante porque sempre dirixe á versión oficial da editorial, independentemente da localización na web.
ISBN (International Standard Book Number) para libros.
Documento oficial (Número de Identificación de Publicacións Oficiais).
Outro: outros tipos de identificador non recollidos nas opcións anteriores, por exemplo un Depósito Legal: D.L. C. 2384-2015

Idioma* (Campo obrigatorio) 
Seleccionar do despregable a lingua principal do texto.

Palabras chave
Introducir todas as palabras chave precisas para describir o contido do documento. É moi importante elixir axeitadamente estes termos xa que son a base para a busca por materias. Cantos máis termos se utilicen máis posibilidades hai de que o usuario atope o documento. Pode introducir as palabras clave na lingua que desexe ou en varias linguas pero cada palabra debe ir nunha caixa de texto. Para engadir máis cadros de texto prema sobre o botón "Engadir". Empregue maiúsculas só para as letras iniciais.

Resumo 
Introducir na caixa de texto unha breve descrición do contido do documento na lingua principal do mesmo. Non hai un límite de lonxitude pero entre 150 e 300 palabras sería o adecuado. Pode incorporar o resumo noutras linguas: aínda que non é obrigatorio, multiplica as posibilidades de recuperar o documento. Cada resumo debe aparecer nunha caixa de texto.

Nº do Acordo da Subvención da Comisión Europea e Goberno de España (FP7, H2020, ERC, AEI, MINECO, etc.)

Este campo é obrigatorio cando o proxecto foi financiado por algún programa da Comisión Europea ou polo Goberno de España. Este dato permite tamén verificar o grao de cumprimento dos traballos afectados por mandatos de acceso aberto e ser recollidos pola plataforma da Comisión Europea OpenAire e pola da FECYT.

Minerva permite recuperar o nome formal do acordo en caso de que estea rexistrado en OpenAIRE ou FECYT. Introducir o número de acordo (na sección de agradecementos Acknowledgments ou de financiación Funding do documento). Minerva devolve un resultado e hai que premer en "Engadir" para que quede rexistrado. 

numero_acordo_financiacion

No caso de que non se poida recuperar de xeito automático haberá que redactalo tal e como indican as instrucións que aparecen baixo a caixa, remarcadas en cor azul. 

numero:acordo_subvencion

O formato debe ser:

  • Comisión Europea: info:eu-repo/grantAgreement/EC/FP7/number of agreement
  • Comisión Europea: info:eu-repo/grantAgreement/EC/H2020/number of agreement
  • Gobierno de España: info:eu-repo/grantAgreement/AEI/Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2017-2020/PID2019-108624RB-I00/ES/HERRAMIENTAS BASADAS EN METALES PARA SU USO EN QUIMICA BIOLOGICA Y BIOMEDICINA. DESARROLLO DE NUEVAS ESTRATEGIAS ANTICANCER
  • Gobierno de España: info:eu-repo/grantAgreement/AEI/Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2017-2020/PID2019-110385GB-I00/ES/NUEVOS METODOS DE SINTESIS QUIMICA MEDIANTE LA FUNCIONALIZACION DE ENLACES C-H CON CATALIZADORES METALICOS

Patrocinadores
Introducir na caixa de texto a información sobre organismos financiadores do traballo, con datos de proxectos e convocatorias.
Exemplo:
We are thankful for the financial support from the Xunta de Galicia (Centro Singular de Investigación de Galicia accreditation 2016-2019) and the European Union (European Regional Development Fund-ERDF). We also thank support given by the Spanish grants SAF2013-41943-R and SAF2016-76689-R, the Xunta de Galicia (GRC2013-041 and 2015-CP082), the ERDF, and the European Research Council (Advanced Grant No. 340055). MMC thanks the Ministerio de Economía y Competitividad for the Postdoctoral fellowship (IJCI-2014-19326)

Describir item en Minerva, campo patrocinadores

Descrición
Campo de texto libre onde recoller información que non ten cabida noutros epígrafes pero se considera de interese. Por exemplo:

  • Descrición física do documento (nº de páxinas, ilustracións, gráficos, material complementario).
  • Información adicional sobre o autor/es.
  • Información sobre a presentación do traballo (nome, lugar e data do congreso, conferencia, xornada, seminario, etc.).
  • Requirimentos de software.
  • Información sobre o título, ou sección do libro ao que pertence o traballo.
  • Fórmula sobre copyright definida polo editor cando así o esixe a súa política de permisos, p. ex.: “This is the author’s version of the work. The definitive version was published in [vol., n., date] http://doi.acm.org/10.1145/nnnnnn.nnnnnn”.

Versión ou estado do documento
Elixir no despregable o valor correspondente á versión ou situación do traballo no proceso de publicación: o artigo foi enviado ao editor (preprint), o artigo inclúe as modificacións propostas polos revisores (postprint), ou é a versión final publicada polo editor.

versio_estado_documento

As equivalencias en galego dos termos en inglés son as que se poden ver a continuación:

 

Revisión por pares (peer review)
Para traballos publicados previamente e que pasaron avaliación por parte de expertos elixir a opción SI.
En caso de versións preprint de artigos, seleccionar NON.

Versión do editor 
Aplicable a documentos xa publicados, permite enlazar co artigo na web da revista. Algúns editores esixen a presenza deste enlace para permitir o acceso aberto. Introducir a URL da páxina web do editor onde orixinalmente aparece o documento ou o número DOI do artigo. Non empregar en ningún caso a URL de agregadores de servizos como ScienceDirect, Scopus, etc., xa que non son identificadores permanentes. Se empregamos o DOI, engadir o enlace http://dx.doi.org/ diante do número sen deixar espazos, por exemplo: http://dx.doi.org/10.1021/acs.organomet.5b00777

Dereitos de acceso* (Campo obrigatorio)
Este campo fai referencia aos permisos de acceso aos ficheiros e débese elixir a opción axeitada en cada caso.
- Seleccionar a opción “open access” cando o texto completo que se vai depositar permite a súa lectura, descarga, enlace e impresión.
- Seleccionar a opción “embargoed access” cando a versión que o editor permite depositar no repositorio está suxeita a un período de embargo e polo tanto o PDF debe estar oculto durante algún tempo. O arquivo será accesible automaticamente unha vez superada a data límite do embargo.
- Seleccionar a opción “restricted access” en caso de que os dereitos de propiedade intelectual foran cedidos indefinidamente. Ademais debe introducir no seguinte campo "Data do embargo" o valor: '9999-01-01'. O ficheiro non estará dispoñible para a súa consulta.
 

Data do embargo 
Introducir a data de finalización do período de embargo, calculada a partir da data de publicación en liña, no formato AAAA-MM-DD (o mes pódese elixir no despregable). Unha vez superado o período de embargo o sistema automaticamente permitirá o acceso en aberto ao texto completo. 

 

Describir item en Minerva, solicitar copia privada

Dereitos de uso 
Cando o documento xa está publicado e os dereitos de explotación pertencen a terceiros é preciso informar desta circunstancia. Introduza información sobre o propietario dos dereitos. 

Exemplo: © 2017 The Authors. Ecology and Evolution published by John Wiley & Sons Ltd. This is an open access article under the terms of the Creative Commons Attribution License, which permits use, distribution and reproduction in any medium, provided the original work is properly cited.

Se non ten os dereitos cedidos é conveniente que os protexa cunha licenza Creative Commons.

Subir o arquivo

Prema o botón "Seleccionar arquivo" para localizar o ficheiro no seu ordenador.

Subir arquivo a Minerva

Se o documento está formado por varios arquivos pode empregar a caixa de texto "Descrición do ficheiro" para indicar o tipo de información que contén cada un deles, por exemplo "Documento principal", "Imaxes", "Datos", etc. Introduza unha descrición para cada ficheiro.

Revisar a información

Na seguinte pantalla pódese revisar a información introducida no cadro resumo que contén todos os datos do documento.
Para modificar datos erróneos ou engadir outros, empregar os botóns presentes en cada bloque de información "Corrixir algún destes".

Revisar información envío Minerva

Licenzas

ASIGNAR LICENZA CREATIVE COMMONS

Se vostede é titular dos dereitos ou ten autorización expresa do/a titular pode elixir una licenza Creative Commons para protexer os seus dereitos de autor e indicar como desexa compartir a información, as condicións de uso e distribución.

Asignar licenza Creative Commons en Minerva

Seleccione as opcións que prefira:

Asignar licenza Creative Commons en Minerva, paso 2

Para que a licenza quede asociada ao documento prema “Seguinte”.

IMPORTANTE: Se vostede cedeu os dereitos en exclusiva a unha editorial debe respectar as condicións da licenza indicada polo editor e escoller as opcións correspondentes á mesma. Pode consultar estes requisitos nas bases de datos Sherpa/Romeo e Dulcinea

De non atopar información nas fontes citadas, é preciso solicitar autorización expresa á editorial para depositar o traballo en Minerva, mencionando explicitamente fins e usos e expoñendo tamén baixo que licenza CC se pode realizar a súa difusión no repositorio. Achegamos formularios de solicitude en galego, castelán e inglés.

Lembre que se é coautor ou coautora dun traballo precisa do permiso dos demais coautores/as para depositalo no repositorio. Pódese descargar un formulario modelo, tamén en galego e castelán e inglés.

ACEPTAR LICENZA DE DISTRIBUCIÓN

Para finalizar hai que aceptar a licenza que permitirá distribuír publicamente a través de Minerva o documento depositado. Coa concesión desta licenza non exclusiva, os autores continúan a ter todos os dereitos de autor e, polo tanto, poden facer uso do traballo depositado como estimen oportuno (difundir noutros repositorios, publicar en medios comerciais, etc.). 
Prema en "Concedo a licenza" para completar o envío.